A Comisión Académica do Programa de Doutoramento (CAPD) é a responsable da admisión dos candidatos no programa.
O perfil de ingreso a este programa de doutoramento é o dunha persoa que ten as seguintes competencias e coñecementos:
- Coñecementos avanzados no ámbito da bioloxía, a química, as ciencias ambientais ou as ciencias mariñas, así como coñecementos na metodoloxía da investigación científica
- Unha formación de carácter especializado ou multidisciplinar, orientada á iniciación en tarefas investigadoras, que se adquiren nos estudos de grao e mestrado universitarios na área de bioloxía, química, ciencias ambientais, ciencias mariñas ou equivalentes
- Coñecementos suficientes de inglés: lido, falado e escrito (nivel equivalente a un B1 como mínimo)
A CAPD valorará as solicitudes de admisión no programa de doutoramento en función dos seguintes criterios:
- Expediente académico e nota de mestrado (20%)
- Experiencia investigadora previa (5%)
- Adecuación da formación ao perfil do programa (20%)
- Coñecemento de idiomas: inglés, galego ou castelán (nivel B1) (20%)
- Entrevista (5%)
- Aval dun investigador do programa indicando (i) a potencial viabilidade da futura tese no marco dunha liña de investigación do programa e (ii) que pode exercer como persoa directora en caso de cumprir os requisitos necesarios para iso (30%)
Para ser admitido no programa de doutoramento debe alcanzarse unha porcentaxe mínima do 60%.