Ecofisioloxía vexetal, alelopatía e estudo da resposta ao estrés

Estudo do funcionamento (fisioloxía) das plantas no contexto das condicións ecolóxicas concretas nas que se desenvolven (características do solo, clima, competencia con outras especies, etc.), así como das interaccións químicas entre as plantas e os outros organismos do ecosistema, ben sexa de tipo natural ou agrícola. Nesta liña inclúense tamén os estudos dirixidos a entender a resposta das plantas ao estrés biótico (insectos, fungos, bacterias, etc) e abiótico (temperatura, seca, salinidade, etc.), así como o manexo agrícola dos cultivos, para mellorar o seu rendemento e a súa protección, e a xestión das plantas invasoras.

 

Bioloxía e ecoloxía do solo e das augas continentais. Degradación física, química e biolóxica e rehabilitación

Estudo dos organismos edáficos e as súas comunidades, así como das súas implicacións na saúde doutros organismos e o funcionamento dos ecosistemas terrestres, investigando o posible uso da biota do solo para resolver problemas plantexados no mesmo (contaminación, plagas e enfermedades, etc.). Atópase tamén nesta liña a recuperación de solos contaminados. Así mesmo, inclúese esta liña o estudo das condicións e procesos que determinan a estructura e funcionamento dos ecosistemas acuáticos (ríos, lagos, lagoas, etc.), incluíndo o estudo das lagoas costeiras e a súa área de influencia, ademáis da análise da problemática ambiental e a xestión dos recursos hídricos.

 

Ecoloxía evolutiva e de poboacións

Ecoloxía da polinización e das interaccións entre os organismos do ecosistema. Ecoloxía e control das pragas agrícolas e forestais. Plans de xestión, conservación e recuperación de especies ameazadas. Estudo das bases xenéticas e ecolóxicas da resistencia a insectos herbívoros en coníferas co fin de aportar fundamentos para a xestión sostible e eficaz das masas forestais. Comprender así mesmo, como a selección natural conforma a historia da vida e o comportamento das poboacións de animais salvaxes, cun interese especial na conservación da fauna salvaxe e as consecuencias das accións humanas para a diversidade.

 

Conservación e xestión da biodiversidade

Estudo dos recursos biolóxicos, as diferentes presións ás que están sometidos, e as acción de xestión que garantan a súa conservación e preservación. Nesta liña búscase a conservación da diversidade biolóxica, e a utilización sostible dos seus compoñentes. Nesta liña inclúese, así mesmo, a xestión de especies exóticas invasoras, así como os plans de xestión, conservación e recuperación de especies ameazadas.

 

Cambio global dende o Antropoceno

Estudo dos efectos do cambio climático nas comunidades biolóxicas, con especial interese na adaptación das plantas ao mesmo e a modificación do metabolismo secundario ligado ás condicións de cambio global nas especies vexetais. Inclúese tamén o impacto do cambio global nos ecosistemas costeiros e a súa repercusión nas interaccións entre os organismos que forman parte dos mesmos.

 

Mellora da produción vexetal

Desenvolver variedades melloradas de cultivos para promover unha agricultura sostible, mellorando a adaptación aos ambientes locais, con maior tolerancia aos factores de estrés, pragas e enfermidades. Isto implica ampliar a base xenética dos cultivos mediante a identificación de caracteres de interese agrícola de especies silvestres e a súa introgresión en especies cultivadas. Mellorar a resistencia das especies agrícolas ás pragas e enfermedades, así como a condicións climáticas adversas (temperatura, seca, etc.). Os estudos desenvolvidos nesta liña buscan asegurar a producción e calidade dos cultivos.